Tuesday 14 de May de 2024

A Xunta asesorará a 600 empresarios do sector forestal galego para previr riscos coa avespa asiática en traballos no monte


O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) distribuirá recomendacións preventivas de actuación para os traballos forestais entre empresas, persoas traballadoras do sector e centros formativos na materia

A Xunta alerta do risco das avespas asiáticas no monte galego que pode afectar aos traballos realizados no ámbito forestal

O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), dependente da Consellería de Emprego e Igualdade, asesorará a 600 empresas do sector forestal acerca de prácticas preventivas que as persoas que desenvolven traballos no monte deben asumir para evitar riscos ante a presenza de niños de avespa asiática ou velutina.
A Xunta dirixe a súa campaña divulgativa a entidades públicas, empresas, persoas traballadoras do sector forestal e Centros Especiais de Emprego que realizan traballos de xardinería. Deste xeito distribuirá carteis informativos (1.000 en formato impreso, que completará con documentos dixitais imprimibles) nos que inclúe recomendacións preventivas para desenvolver as tarefas en condicións de seguridade ante a posible presenza de niños de vespa velutina.
A actuación insírese no plan de actividades que o Issga está a desenvolver no ámbito forestal, da silvicultura e da industria madereira tras identificar a necesidade de asesorar ao persoal traballador sobre as medidas preventivas ante o risco que supoñen estes insectos nas actividades desenvolvidas no monte.
Tal e como recolle no seu material divulgativo a Xunta, a prevención de riscos neste ámbito debe comezar antes do inicio dos traballos co control exhaustivo da parcela onde se pretende actuar e “tendo en conta que os niños están no medio das silveiras ou entre o mato” o que os fai difíciles de detectar.
Unha vez detectada a presenza dos niños, o Issga recomenda manterse a máis de 5 metros de distancia, evitar provocarlles danos ou golpealos ou tocar as polas afectadas. Sinalizar a zona, avisar aos compañeiros de traballo e dar parte ao 012 da presenza indesexable do avesporeiro evitará males maiores.
Se a pesares de todo, se produce un ataque, os técnicos da Xunta recomendan buscar refuxio, evitar que as picaduras afecten a zonas sensibles do rostro (como os ollos), evitar movementos bruscos para espantalas e, no caso de que sexa unha terceira persoa a que resulta afectada, evitar achegarse e chamar ao 112 de emerxencias.
A Xunta lembra que as persoas traballadoras alérxicas ás picaduras deben portar medicación axeitada ao lugar de traballo para administrarse en caso de ser preciso.
A campaña desenvólvese no marco de colaboración continua que o órgano da Consellería de Emprego e Igualdade mantén coa Federación Empresarial de Aserradores y Rematantes de Maderas de Galicia (Fearmaga) e coas empresas Finsa e Ence, que forman parte do grupo de traballo técnico no ámbito forestal.